concerto
O mellor pop dos galegos Deluxe triunfa en Alemaña
29.06.2006
As fusións de xéneros e a boa selección musical do grupo atraparon o público
. MATEO SANCHO CARDIEL
O pop do grupo galego Deluxe liderado por Xoel López condensou, en menos de tres cuartos de hora de actuación en Siegen, unha selección musical de alta calidade e fusión de xéneros que foi culminada pola súa famosa Que no.
O público volveu ser escaso nos concertos do Festival NRWM-Anima 2006, pero os douscentos espectadores que se detiveron na praza de Siegen para ver o grupo aplaudiron todas e cada unha das dez cancións que interpretou no seu cuarto concerto na rexión alemá de Renania do Norte-Westfalia.
O grupo, que comezou a súa carreira en 2001, abriu coa canción que titulaba o seu segundo álbum, If things were to go wrong, e a partir de aí, os límites entre unha canción e outra esvaéronse grazas a unhas transicións e a uns interludios instrumentais que converteron o concerto nun breve pero homoxéneo e fluído percorrido polo pop, o rock ou o jazz. Vestido con americana de raia diplomática e vaqueiros, co seu peiteado de rapaz moderno e a súa voz lánguida pero firme, Xoel López liderou o concerto con grande efectividade e guiou unha banda que se mostrou enormemente cualificada para a improvisación.
Así, o repertorio abríuse a temas inéditos, como Cenicero de esperanza, título aínda provisional, a cancións como Whith or whitout you de U2 ou Spark de The Who, ou a sós de guitarra e piano como os de Non money to spend, que converteu o escenario nun auténtico salón de jazz.
Pero Deluxe demostrou poderío tamén na sofisticación do pop en Extraña habitación e nos bises finais do rock de Que no, o seu tema máis coñecido e o seu primeiro éxito en castelán, a lingua na que está escrito o seu último disco Los chicos mueren antes de tiempo. Co seu recital, o grupo de Deluxe fixo medrar os seus temas en duración e en calidade respecto das versións de estudo, demostrando así que un dos seus fortes é o directo e que son capaces de ofrecer un son case sen fisuras.